CAFUNÉ, escola de escritura creativa, expresiva e literaria.

Foi lendo os libros de poesía de Manoel de Barros como coñecemos a palabra “cafuné”, de orixe africana e usada no portugués do Brasil co significado de “acto de tocar levemente a cabeza de alguén para facelo adormecer”.

A palabra “cafuné” creaba unha realidade que non imaxinabamos que existise, parecía dicirnos que a linguaxe e as palabras facían parte dalgún xeito de alquimia poderosa. «Cafuné» converteuse para nós nun símbolo de todas esas palabras e historias capaces de quitarnos o alento e facernos espertar.

“Cafuné, Escola de Escritura Creativa, Expresiva e Literaria” nace coa vocación de abrir espazos para investigar, aprender e compartir a alquimia da linguaxe escrita. Por experiencia sabemos que calquera persoa ten a capacidade de escribir historias, relatos e poemas fermosos e inspiradores.

É un proxecto que leva anos madurando connosco, que abrangue todo o que xa estabamos facendo neste eido denda hai unha década, e que quere dar resposta ás necesidades de moitos amantes da escritura nesta zona do sur de Galiza.

Con moito gozo anunciamos a convocatoria dos primeiros cursos de escritura creativa e literaria para nenos, xoves e adultos (inicialmente en Cangas, coa idea de levalos a Vigo e Pontevedra o vindeiro curso):

Escritura creativa para xoves de nove a doce anos: primeiro e terceiro mércores de cada mes, de 17:00 a 18:00.

Escritura creativa para xoves de trece a dezasete anos: primeiro e terceiro mércores de cada mes, de 18:30 a 20:00 .

Escritura literaria para adultos: segundo e cuarto mércores de cada mes, de 18:30 a 20:00.

Estade atentos a novos proxectos e colaboracións que estamos preparando.

EQUIPO:

Marisé Barreiro. Filóloga, escritora e gestaltista especializada en escritura expresiva e creativa, con máis de vinte anos de experienca docente.  Formada en The therapeutic writing institute. Coautora de The teacher´s journal e Expressive writing: classroom and community. Conferenciante e divulgadora dos beneficios da escritura creativa e expresiva. Creadora dos cursos Escribíndome, O diario do profesor e Historias de muller.

Bruno Ben. Filólogo, escritor e poeta com máis de vinte anos de experiencia docente. Autor de Camalote e Emma e a selva do Congo (Maragatia libros). Editor das antoloxías Ons, Ondas e Ons, ondas, dous. Facilitador diplomado en Journal to the self. Creador do curso Literariamente.

Mónica Miguens. Licenciada en Belas artes. Docente con enfoque gestáltico e sistémico. Creadora xunto con Marisé Barreiro do curso Autodefinida, dirixido a rapazas xoves entre 12 e 17 anos e que combina expresión plástica e escritura, explorando a propia voz e a identidade.

 Susan Sylvester. Gestaltista especializada en creatividade, movemento e teatro. Creadora do curso O taller do laberinto xunto con Marisé Barreiro, que combina movemento, meditación e escritura para adentrarse na forma arquetípica do laberinto.